Queremos entrar é o grupo de traballo que conseguiu modificar a lexislación na Comunidade de Madrid. Son novos e adultos cun obxectivo en común: que as persoas menores de 18 anos poidan entrar e actuar nas salas de concertos e outros locais con música en directo. Naceron nun debate organizado no FESTeen, un festival adolescente feito por xente nova, e son un grupo dinámico, horizontal e independente.
- Que é Queremos Entrar e cales son os seus obxectivos?
Queremos Entrar é unha plataforma que loita polo acceso dos menores de idade ás salas de concertos, co obxectivo de normalizar este acceso á cultura e á música ao vivo.
- Como está neste momento a lexislación sobre a entrada de menores a concertos en locais que sirvan alcohol en Galicia?
Está suxeita ás limitacións e prohibicións previstas na Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, na que se reflicte a prohibición dos menores de idade agás que estean acompañados de maiores de idade con responsabilidade sobre os mesmos.
E isto para as salas é unha complicación, xa que teñen que ter un responsable na porta pendente de que entren ou non menores… Resulta até gracioso porque se tende a relacionar ás salas de concertos e aos directos coa festa, a perversión, e a inxestión de alcohol. E por poñer outro exemplo, nos espectáculos taurinos a prohibición é para as persoas menores de 12 anos...
- Pasa noutros países o mesmo ca aquí? Hai algunha lexislación que consideredes que se pode aplicar no noso?
A lexislación é diferente en cada país, por suposto, pero no marco europeo o acceso dos menores ás salas está contemplado. A nosa proposta de acceso e identificación está inspirada noutras que funcionan en diferentes partes do mundo.
- Tivestes algún contacto coa administración galega? Como valoran as vosas reclamacións?
Tivemos unha primeira xuntanza a principios de marzo con varios colectivos de profesionais para poñer as nosas propostas sobre a mesa (mudar o artigo 19 da Lei vixente dende o ano 82), e actualmente, tras a aceptación das mesmas grazas a un interese común, traballamos xa no borrador da nova Lei de Espectáculos xunto a Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, MMF Spain e Músicos Ao Vivo.
- En que outras autonomías está presente Queremos Entrar e que medidas poidestes levar a cabo en cada unha delas?
Queremos Entrar xa conseguíu o seu obxectivo en Madrid. O goberno de Andalucía comprometeuse a levala a cabo; e agora tamén estamos traballando en Aragón. Cabe destacar que en TODAS houbo unanimidade parlamentaria (todos os grupos políticos a apoiaron).
- Que credes que demanda a mocidade do sector musical?
O que máis esixen é poder asistir a un concerto dos seus ídolos, deses grupos que só coñecen a través da internet ou dun programa de televisión.
E nós, o que esiximos é que os nenos, os adolescentes, a mocidade en xeral, poida participar na cultura.