imaxe da nova
Protocolo contra o acoso sexual

Comunicado de MAV sobre a censura a un tema de Ataque Escampe en Musigalité.

imaxe do usuario Xestor Xestor
12 maio 2016

Na pasada gala dos Premios Martín Códax da Música, o discurso do voceiro de MAV comezou coa lectura dunha nota do grupo Ataque Escampe relativa á desaparición dunha frase do seu tema "San Marino" emitido o día anterior (27 de abril) no programa Musigalité.

Antes de decidir a lectura da nota de Ataque Escampe, e despois de visualizar o vídeo do programa, a xunta directiva de MAV falou tanto co grupo como coa productora para contrastar pareceres e evaluar a postura a tomar.

Feito isto, e ante a gravidade do que aparentaba ser unha evidente censura por parte da productora, decidiuse ler esa nota.

As dúas representantes da productora M Internacional Audiovisual, que xa tiñan previsto acudir á gala dos premios no Pazo da Cultura de Pontevedra, pouco antes do comezo da mesma, solicitaron falar coa xunta directiva de MAV, ao que por suposto, accedimos. Pedíronnos que non fixéramos referencia ao tema, aducindo que fóra un erro dun técnico que aleatoriamente cortara ese trozo do mesmo xeito que facían con outras cancións no mesmo programa (feito que de por si xa consideramos moi grave). No seu descargo, e para amosar a súa presunta inocencia, dixéronnos que na web estaba colgada a canción íntegra, sen cortes, o que realmente era certo. Despois de intercambiar posturas se lles dixo que, ante a gravidade da situación, leríase igualmente o comunicado, onde Ataque Escampe exculpaba á TVG deste feito, que era o que ao final tamén quería deixar claro a productota. Así quedou a cousa, ata que, días máis tarde, chegounos información de que o que realmente ocurrira fora isto:

Cando o encargado da postproducción estaba editando o programa en cuestión, recibiu por parte das responsables da productora, a indicación de cortar expresamente a frase que di: "Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP", cousa que fixo porque non lle quedaba outro remedio. Polo visto, a productora consideraba que esa frase podía resultar insultante. Do mesmo xeito, o técnico, colgou na web do programa, como parece que adoitan facer sempre
en Musigalité, o mesmo vídeo sen cortes. Pero a mañán seguinte á emisión, que coincidiu coa data da gala dos premios, o técnico recibiu varios wasaps da productora preguntándolle porque estaba colgada a versión íntegra e non a censurada, como pensaban que lle dixeran que fixera, e pedíndolle que correxira este extremo. O técnico respostou que fixera como sempre facían: colgar a versión íntegra. As responsables da productora, na súa conversa con MAV, aproveitaron ese "erro" do técnico para xustificar a súa inocencia, pero en realidade, se o técnico chegara a facer o que elas querían, tamén na web o vídeo estaría censurado.

E ata aquí chega o relato dos feitos tal e como agora o coñecemos. Se houbese dúbidas sobre a súa veracidade, xa adiantamos que dispoñemos de contundentes probas que o avalan.

Conclusións:

1. As representantes da productora de Musigalité (M Internacional Audiovisual) son as responsables directas da censura dunha canción de Ataque Escampe.

2. Esas mesmas persoas mentiron conscientemente a MAV cando culparon ao técnico de postproducción de todo o sucedido.

3. O ánimo da productora era, desde o principio, que a versión que aparecera na súa web fose a mesma que se emitiu coa frase en cuestión censurada.

Sen entrar en outros detalles dos que nos estamos enterando pouco a pouco sobre a producción deste programa, cremos que todo isto é suficiente para que as responsables da productora recoñezan os feitos, pidan disculpas públicas a Ataque Escampe, e exculpen ao técnico de postproducción. Ao mesmo tempo, esperamos que a TVG, que se limitou a emitir o vídeo que lle remitiron, tome as medidas oportunas respecto a unha productora que se tomou a liberdade de censurar o texto dunha canción.

Músicos ao Vivo está comprometido coa defensa da liberdade de expresión dos artistas en xeral e d@s músic@s en particular.

Esperamos que este desagradable incidente, do que unicamente se pode responsabilizar á productora de Musigalité, M Internacional Audiovisual, sirva para que a TVG, con quen imos solicitar unha reunión urxente, reafirme o seu compromiso coa música galega e cuide e mellore a súa programación musical.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información