Nestes últimos días, a presentación do Festival Son do Camiño provocou un gran balbordo entre o colectivo musical de Galicia que acadou unha gran dimensión ao ser reflectida tamén na prensa nacional. Músicos, produtoras, asociacións e partidos políticos, emitiron comunicados e opinións a favor e en contra, con argumentos en defensa e en contra de todas as posturas e que xeraron un gran debate que todavía persiste, e non é para menos.
Os feitos son de sobra coñecidos, e están moi ben explicados na prensa (https://www.elplural.com/…/feijoo-contrato-millones-organiz…).
As protestas abundan, sobre todo, no outorgamento a dedo dun contrato que ascende a case tres millóns de euros, e na escasa representación da música feita en galego nun festival desta magnitude. No argumentario a favor destácase o impacto internacional dun evento destas características, a creación de postos de traballo, e o beneficio para o sector turistico.
Músicos Ao Vivo representa a unha importantísima parte do colectivo de músicos de Galicia que consideran a creación como o seu principal valor, e que están loitando desde hai anos por consolidar e divulgar o que se denomina Música Galega. Iso abrangue todos os estilos, dende o heavy até o tradicional, pasando pola música contemporánea ou o jazz, e non son poucos os esforzos e sacrificios que tod@s eles fan para conseguilo, infelizmente, cun escaso apoio institucional.
Neste sentido, se contrapoñemos a axuda que a Dirección Xeral de Turismo outorga ,sen concurso público e en concepto de publicidade á UTE organizadora de Son do Camiño ao investimento do Agadic en todos os festivais, redes institucionais e axudas directas á música en Galicia, non podemos se non facernos algunhas preguntas.
Cal é a razón de que a Xunta adique unha cantidade de cartos tan desmesurada a un evento de iniciativa privada e con tan pouca repercusión no tecido musical de Galicia? O impacto turístico? É que pasa coa música como elemento vertebrador da nosa cultura? Valorouse o impacto que tería ese investimento nos festivais feitos aquí e con músicos de aquí? Sentiremos algunha vez que a música galega ten o respecto e consideración debida por parte da Xunta, ou temos que seguir creando e facendo música a base de sangue, suor e bágoas?
MAV seguirá loitando pola dignificación da nosa profesión e denunciando todo aquilo que considere un menosprezo cara este colectivo, tan cheo de talento, tan necesario, e tan sufrido.