imaxe da nova
Actualidade

Reflexións día do traballo na música

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 maio 2019

Neste 1º de maio queremos facer unha reflexión sobre a situación do traballo dos músicos e músicas na actualidade, pois nos atopamos nun momento de cambios, de tránsito a un novo paradigma e que necesitamos clarificar canto antes para dar seguridade xurídica ao sector.

Precisamos un marco xurídico que protexa e clarifique a actividade profesional na música ao vivo e ao mesmo tempo protexa o carácter cultural e educativo da música, así como a continuidade da cultura de base e de pequeno formato.

Estes últimos anos están sendo tempos de moita reflexión e cambios por parte de administracións e sector. Certo é que o consumo de música ao vivo ven experimentando cambios continuos, con novas modas, formatos e xeitos de chegar ao público.

Un dos fitos dos últimos anos foi a creación dunha subcomisión parlamentaria a nivel estatal para a elaboración dun novo estatuto do artista que reformulara a actividade, obrigas e dereitos dos traballadores culturais.

A mediados de 2018 e tras meses de traballo escoitando a parte do sector implicado, a subcomisión parlamentaria presentou o informe coas conclusións finais, aprobado por unanimidade por todos os grupos parlamentarios.

Á espera da plasmación destas consideracións en medidas lexislativas concretas, creouse unha plataforma de seguimento do Estatuto do Artista (Plataforma Estatal por la Música) da que Músicas ao Vivo forma parte dende o principio.

As medidas normativas relativas ao traballo da subcomisión chegaron no Real Decreto-lei 26/2018, de 28 de decembro, polo que se aproban medidas de urxencia sobre a creación artística e a cinematografía; con medidas que xa entraron en vigor apenas días despois da súa publicación e que crearon bastante controversia e desconcerto.

Entre as medidas que propón o real decreto destacan dúas:

Por un lado, a suposta rebaixa do IVE cultural, que finalmente non foi tal, porque soamente afectaba a certos intérpretes (persoas físicas, é dicir, autónomos) en determinadas situacións, volvendo á situación anterior á reforma do 2012 cun tipo impositivo diferente e que deixaba fóra á gran maioría da cadea de valor do sector. Por outro lado a creación dun réxime de intermitencia en materia de Seguridade Social para a súa asimilación á alta en períodos de inactividade, que sendo apresurado pon os alicerces para unha situación necesaria no ámbito dos traballadores culturais.

Neste RD deixábanse para un futuro próximo medidas moi importantes que si implicarían un cambio substancial, como a reforma e substitución do RD1435/1985, que é a normativa que dente 1985 regula a relación laboral de carácter especial dos artistas en espectáculos públicos, e que xa está máis que obsoleta e precisa dun cambio e adecuación á nova realidade dun xeito urxente.

Fai apenas uns días, no último consello de ministros previo ás eleccións xerais, o goberno aprobou a través o Real Decreto 302/2019, de 26 de abril, polo que se regula a compatibilidade da pensión contributiva de xubilación e a actividade de creación artística, tal e como se establecía no RD de decembro de 2018.

A toda esta actividade, realizada a través de reais decretos do goberno estatal, hai que sumar outras novidades lexislativas que tamén nos afectan directa ou indirectamente. Falamos da entrada en vigor en 2018 da nova Lei de Contratos do Sector Público ou da ampliación do ámbito de aplicación dende 2016 do Convenio colectivo estatal do persoal de salas de festa, baile e discotecas que nos é de aplicación.

A isto hai que sumarlle a problemática xurdida nos últimos anos en torno ás chamadas “falsas cooperativas de facturación” e que meteron no mesmo saco ás verdadeiras cooperativas de músicos con empresas que utilizan a fórmula cooperativa para agochar falsos autónomos ou dar de alta de xeito irregular a músicos ou outros colectivos. A este respecto cabe comentar que dende a Plataforma Estatal por la Música vanse a propoñer propostas de solución provisional para os músicos e trasladarllas ao Director Xeral de Traballo mentres non se aprobe a modificación do RD1435/1985, e entre estas medidas están tamén as referentes ás cooperativas de músicos, que deben ser única e exclusivamente para músicos.

Tamén en Galicia estamos asistindo a unha nova vaga de normativas que nos afectan como traballadores. A nova Lei de Espectáculos de Galicia e o proxecto de catálogo de actividades asociado, a elaboración dun Manual de Boas Prácticas para Festivais, a creación por parte da Xunta dunha Estratexia da cultura galega 2021, o I Convenio colectivo do sector de orquestras de verbena de Galicia de 2017, os cambios pendentes de introducir en normativas de redes autonómicas como a Rede Galega de Música ao Vivo, etc son exemplos de como está a mudar a situación do sector. Teremos que esperar para ver como se concretan todas estas medidas e calibrar como nos afectan, sen deixar de esixir formar parte directa dos procesos de decisión nestas novas normativas, que non en tódolos casos é así.

Toda esta base normativa  dáse polos novos cambios no consumo da música ao vivo no que seguramente estase deixando de lado en certos momentos o carácter cultural da actividade musical para centrarse unicamente na vertente industrial. É certo que temos que avanzar no profesionalismo do sector, pero sen deixar de recoñecer e reivindicar a importancia do carácter cultural e educativo da música.

É vital, dende o noso punto de vista, que os propios músicos e músicas sexamos parte activa en todo este proceso de cambio, primeiramente sendo conscientes da necesidade de loitar polos nosos dereitos como traballadores da cultura, reclamando esa dignificación do noso traballo que ten que comezar por nós mesmos. Temos que interesarnos por estes temas, preocuparnos, estar ao día...e para iso non hai máis fórmula posible que estar unidos, apoiarnos e loitar entre todos. É necesario e urxente que nos unamos, tanto en asociacións, cooperativas, plataformas ou sindicatos. Temos que estar unidos e ter conciencia colectiva para ter presenza activa nos procesos de cambios que nos afecten.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información