imaxe da nova
Asociación

Proxectos premiados nos Premios Martín Códax da Música 2019

imaxe do usuario Xestor Xestor
9 maio 2019

O que presenciaron a noite do 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra os máis de 700 asistentes á gala dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, promovidos pola Asociación Músicas Ao Vivo (MAV), superou as expectativas de calquera gala en termos de emoción, calidade e orixinalidade das propostas escénicas e musicais, grazas ao talento do director artístico, Quico Cadaval; o humor e o toque de lírica elegancia das presentadoras Lucía Aldao e María Lado; e a versatilidade e luminosidade do impecable septeto de jazz dirixido por Pablo Castaño.

O espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: amosar a diversidade da música galega e o seu carácter permeable e viaxeiro. Baixo unha peza da artista Ana Seoane presidindo a escena e representando o noso mestizo ADN musical, o enxeño de Cadaval debuxou unha viaxe pola historia da música galega con paradas inesperadas, momentos delirantes e historias nunca antes contadas, que revelaron as verdadeiras orixes da nosa música, filla de múltiples mestizaxes.

Os premios foron entregados por representantes de distintos ámbitos do sector musical como Tony Lomba, Rosa Cedrón ou Ton Risco aos 18 proxectos premiados, que levaron para casa os Melómanos e Melómanas  creadas polo escultor e músico, Víctor Lorenzo a golpe de motoserra. Nesta edición inscribíronse un total de 442 proxectos (391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación), o que volve converter a web do certame www.premiosmartincodaxdamusica.gal na plataforma de música galega máis importante do momento.

A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico que entregaron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces; e a directora de Marketing de Bodegas Martín Códax, ao músico Carlos Barruso, a quen a directiva de MAV decidiu premiar este ano “en homenaxe a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos”.

No seu discurso de clausura, a presidenta de MAV, Sonia Lebedynski, destacou o traballo feito pola directiva para cumprir o obxectivo final do certame de “favorecer a visibilidade da música galega en cada unha das súas fórmulas tan diversas”. Reclamou “espazos de promoción e difusión para a música galega nos medios públicos, que deben ser independentes, veraces e críticos; e libres de inxerencias do poder”. Neste sentido, tamén solicitou da administración que “os grandes investimentos deixen de sufragar infraestructuras e se destinen a garantir unha presenza musical galega representativa”; e pediu ás salas e festivais que “fagan un esforzo por escoitar e programar música galega”. Neste sentido lembrou a creación dos censos musicais de MAV destinados a mapear os proxectos de música do país para servir como catálogo en liña. Lebedynski tamén recordou a recente creación por parte de MAV do Observatorio pola Igualdade  ‘En Órbita’ co obxectivo de lograr “unha maior normalización e visibilidade das mulleres nos postos directivos, e crear referentes femininos en todos os ámbitos da industria”,  e lembrou que “sen igualdade non hai sostibilidade”. A presidenta de MAV amosou a preocupación da directiva ante un momento de cambios lexislativos intensos e mencionou o traballo en torno ao proxecto do Estatuto do Artista, os decretos aprobados polo goberno estatal nos últimos meses, o proxecto de reforma do Real Decreto que regula a actividade de artistas en espectáculos públicos que data de 1985 ou a nova Lei de Contratos do Sector Público de 2018, ou o Convenio colectivo estatal do persoal de salas de festa, baile e discotecas, como exemplos dos asuntos que están afectando á comunidade musical. A nivel galego, Lebedynski remarcou as consecuencias negativas da nova Lei de Espectáculos sobre a vida musical das vilas e cidades e felicitou as iniciativas municipais de Compostela e Pontevedra para buscar solucións que permitan seguir facendo música ao vivo en salas e locais. Por último, insitiu na necesidade de “crear novos públicos a través dunha educación musical que fomente desde a infancia a creatividade e o pensamento diverxente”, e explicou que “a folla de ruta de MAV inclúe o deseño de propostas educativas como a unidade didáctica lanzada este ano e aberta á participación dos centros de ensino co obxectivo de levar a música galega ás aulas e que terá como resultado unha colección de podcast que se poderán escoitar na radio online da páxina web dos Premios".

Proxectos Premiados

Entre os proxectos musicais premiados destacan propostas con grande proxección a nivel estatal e internacional como Baiuca, Bala ou Tanxugueiras; os traballos de artistas moi consolidados no panorama galego como Marcos Teira, Xoan Curiel, Carmen Rey ou Los Satélites; e achegas de gran valor diferencial como as de Su Garrido Pombo, Xosé Miguélez, Adrián Saavedra, Ejazz e Igloo. Repiten estatuíña Wöyza, Banda Crebinsky e a banda estradense Nao, que este ano se despedirá dos escenarios. Dentro dos premios da industria, premiouse o labor do Diario Cultural e as traxectorias do Festival de Pardiñas e da sala viguesa El Contrabajo Club, que pechará en xuño despois de máis dunha década como aliada da música ao vivo, e logo de ter programado máis de  900 concertos. Este é o listado de proxectos premiados por categorías:

POP/INDIE Igloo

ROCK Bala

METAL Nao

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Xosé Miguélez - ONTOLOGY

MÚSICAS URBANAS Wöyza

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Adrián Saavedra

MÚSICA TRADICIONAL E FOLQUE Tanxugueiras

MÚSICAS DO MUNDO Marcos Teira - NÓS

MÚSICA INFANTIL Xoán Curiel e A Banda do Verán – A CASA DO TERROR

MÚSICA ELECTRÓNICA Baiuca

REGGAE/SKA/MESTIZAXE Banda Crebinsky

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Orquestra Los Satélites

BLUES/FUNK/SOUL Carmen Rey

CANCIÓN DE AUTOR/A Su Garrido Pombo

COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz

ORGANISTRUM FESTIVAIS Festival de Pardiñas

ORGANISTRUM SALAS El Contrabajo Club

ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL Diario Cultural

PREMIO HONORÍFICO MÚSICAS AO VIVO 2019 Carlos Barruso

 

Emisión da gala

A gala será retransmitida en diferido o sábado 11 de maio ás 22:45 na TVG2 e o domingo 12 de maio na TVG despois de media noite.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro