Cos novos cambios dos gobernos municipais, MAV está vixilando de preto e con gran preocupación desde antes do verán as novas que nos chegan falando de programacións musicais e culturais xa pechadas cos gobernos anteriores que non atopan continuidade despois do cambio de signo político, mesmo aquelas que xa conseguiran arraigo na cidade e no público como modelos de éxito.
Esta costume nas políticas culturais das cidades e vilas obríganos a sinalar perante as institucións que o traballo dos músicos e músicas non debe depender das mudanzas signo político nos concellos, que as estratexias culturais deben superar o curtopracismo das lexislaturas municipais e que o noso traballo merece o mesmo respecto que o resto de traballadores doutros sectores produtivos que teñen relación cos concellos.
Con todo, en MAV queremos tender sempre pontes de diálogo coas institucións, polo que reunirémonos coas novas corporacións alá onde faga falta para asegurar a dignidade dos músicos e músicas, así como para defender todas aquelas redes e proxectos musicais que xa demostraron a súa eficacia e bo facer no pasado recente.