Ata o próximo 11 de febreiro pódense presentar as inscricións para participar no MUMi (Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal), que se desenvolverá do 12 ao 14 de marzo en Verín.
O MUMi é un encontro que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas. A feira reunirá a artistas/bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa.
Obxectivos
- Que Galicia e Portugal poidan cooperar directamente, recoñecéndose como sectores profesionais, xeradores de riqueza e diversidade.
- Tecer redes profesionais que fortalezan realmente o sector musical profesional e xerar sinerxías que repercutan a medio prazo na produción e comercialización das músicas dos dous países.
- Fixar unha axenda de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional.
- Interpelar aos medios de comunicación para que a música galega e portuguesa volva ser unha prioridade de xeito natural.
- Ser o espazo de referencia para seguir a actualidade musical de Galicia e Portugal.