imaxe da nova
Asociación

María Manuela, Premio Honorífico 2020

imaxe do usuario Xestor Xestor
6 maio 2020

PREMIO HONORÍFICO 2020

A Xunta Directiva de Músicas ao Vivo decidiu outorgar o Premio Honorífico 2020 a María Manuela.

María Manuela Díaz Orjales, María Manuela para o mundo artístico e Manola para as amizades, naceu na Coruña no 1945 e criouse no barrio obreiro de Recimil, en Ferrol, onde xa dende nena xogaba a ser cantante e artista.

Nos seus anos mozos coñece ao guitarrista Miguel Varela “O Tranquilo”, con quen acabaría casando e creando en 1974 o dúo artístico que se convertiría nuns dos grandes referentes da canción protesta, poñendo música á poesía galega ao tempo que reivindicaban a nosa lingua como dereito e ferramenta de loita.

Acadaron éxito internacional en escenarios de Francia ou Suíza e recibiron ofertas de grandes discográficas, que rexeitarían por seren fieis aos seus principios.

Publicaron álbumes como “Idioma meu”, “Panxoliñas” xunto co ferrolán Xoán Rubia, “Cantigas para nenos e neneiros” ou “Ergueremo-la espranza”, de onde sairía o popular fado "Havemos de ir a Viana". Nos 90 publicaron os últimos discos cun gran cambio de sonoridade pola estreita colaboración con Nani García na produción musical.

No 99 María Manuela publica “Para Miguel”, un disco en homenaxe ao seu compañeiro musical e de vida, falecido tras unha longa enfermidade. Foi o seu último traballo discográfico en solitario. Desde entón ten participado en proxectos conxuntos como os libro-disco “O meu primeiro Celso Emilio” e “A miña primeira Rosalía” ou en propostas audiovisuais como “Valentina”, de Abano Producións.

O seu gran compromiso social levouna a ser voceira do colectivo “Nunca Máis” de Ferrol, a participar nos concertos expansivos de “Burla Negra” en Galicia e Barcelona, en actos contra da guerra de Iraq, a colaborar con diversas ONG’s en incontables concertos a prol da figura da muller.

Querida e admirada por todo o que representa, foi homenaxeada pola súa cidade en diferentes ocasións, entre as que deixou unha lembranza especial a gala "Habemos de ir", celebrada no 2008 no teatro Jofre onde participaron os grupos máis coñecidos da canción galega daquela altura.

É para Músicas ao Vivo e os Premios Martín Códax da Música unha honra outorgarlle este premio honorífico a María Manuela, unha gran muller e artista que tanto aportou e aporta a nosa cultura.

Vídeo

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información