imaxe da nova
Asociación

Comunicado MAV sobre as modificacións nas medidas de prevención da crise sanitaria

imaxe do usuario Xestor Xestor
8 xullo 2020

Dende Músicas Ao Vivo, queremos amosar a nosa gran preocupación polo impacto  profundamente negativo que van ter sobre moitas formacións musicais algunhas das medidas contempladas na  RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Somos conscientes de que estamos a vivir uns tempos difíciles nos que será imposible realizar moitas actividades, tal e como se viñan facendo ata o de agora. Evidentemente, as actividades relacionadas coa música están entre elas. O que nos preocupa é que, despois de estudar o texto, no tocante ao ámbito musical, consideramos que as medidas difiren, con moito, da realidade do noso traballo. Botamos en falta un maior coñecemento das particularidades técnicas da execución de cada familia de instrumentos, das necesidades obrigadas de orquestración en moitas das obras musicais, e das casuísticas en xeral que se dan nos escenarios segundo os diferentes estilos e formacións. Isto está ocasionando unha gran confusión e incerteza sobre o futuro inmediato profesional, especialmente económica neste contexto de crise, que nos está chegando desde as nosas socias e socios. A ambigüidade e a difícil ou case imposible implantación dalgunhas das medidas está provocando moito desalento e confusión, especialmente en todo o relacionado aos coros, grupos vocais e cantantes en xeral, así como entre as/os intérpretes de instrumentos de vento. Así, despréndense do texto conclusións que caen en incongruencias como as seguintes:

Un trío ou cuarteto vocal tería que actuar, en calquera situación, con máscaras. Ese mesmo grupo, acompañado dun guitarrista ou pianista, non as tería que usar máis que cando estiveran en silencio. Do mesmo xeito, canto tempo de silencio? E se o cantante pode quitar a máscara cando canta, o pianista podería quitala cando non toca?

A isto súmase o impedimento, para coros e grupos vocais, de cantar en calquera evento realizado nunha igrexa, onde en realidade case sempre hai un espazo, denominado  precisamente “coro”, o cal está normalmente xa afastado do público asistente para os grupos que van cantar nunha celebración.

No relativo aos ensaios dos coros (estamos falando de centos deles, só na FECOGA, sobre 250 coros), especifícase a necesidade de manter a distancia de seguridade, o que imposibilita que o 90 % dos coros poida xuntarse para ensaiar. Este é un tema tremendamente delicado polas consecuencias negativas que vai ter na vida de miles de cantantes na nosa comunidade que non contan con espazos suficientemente grandes para ensaiar, o que podería significar a desaparición de decenas de coros, profesionais e non profesionais,  e a repercusión na saúde e vitalidade dos seus integrantes, en moitos casos persoas de certa idade que atopan nesta actividade unha fonte de benestar.

A ambigüidade e confusión está tamén presente noutro tipo de formacións, xa que non queda claro se o uso de máscara é obrigatorio sempre para músicos e músicas instrumentistas ou só naquelas situacións nas que non se poida manter a distancia de seguridade. Esta confusión e ambigüidade deriva tamén na libre interpretación destas medidas por parte de cada formación no momento de programar os concertos, carecendo dunha unanimidade no protocolo a seguir. 

Cremos que esta normativa, aparentemente redactada sen consultar aos afectados, precisa ser revisada, porque neste momento non fixo máis que crear unha gran inquedanza e preocupación, á vez que está lonxe da realidade do noso traballo, e  resulta incompatible en moitos contextos,  coa práctica profesional da música, especialmente vocal. Por exemplo, é totalmente incompatible (e insalubre) a práctica do canto vocal co uso dunha máscara sanitaria. 

É necesario deseñar estratexias que axuden a paliar o impacto tremendamente negativo que todo isto vai ter sobre o colectivo de músicos e músicas, atopando medidas realistas e coherentes que permitan a correcta realización do noso traballo, garantindo en todo momento as medidas de seguridade, para o cal ofrecemos todo a nosa colaboración. Queremos seguir un protocolo que nos permita ser prudentes ante esta situación, mais sempre que nos permita levar a cabo o noso traballo. É por isto que manifestamos o noso descontento, mais co fin de solicitar unha revisión ante estas medidas e ofrecer algunhas propostas que consideramos que poden ser interesantes para previr a propagación do virus. 

 

PROPOSTAS

•    O uso de micrófono propio no caso de cantantes solistas.
•    Distancia de seguridade entre músicos e uso de máscara para músicos intérpretes (non cantantes) só cando esta distancia non se poida cumprir. 
•    Unha correcta colocación no palco e locais de ensaio que evite que o fluxo de aire interfira co resto dos mebros da formación.
•    Extremar as medidas de hixiene co instrumento. Especialmente no caso dos instrumentos de vento.
•    Medir a temperatura antes dos ensaios e das actuacións. 
•    Antes de ter que chegar ao uso da máscara, débese priorirzar ou ben o uso de pantallas, ou ben o uso de anteparos de separación, só cando non sexa posible manter unha distancia mínima de seguridade entre músicos.
 

PROPOSTAS DE CAMBIOS NO TEXTO DA RESOLUCIÓN

Para o referido no anexo 2.11. Coros e agrupacións vocais, pedimos o engado das seguintes medidas no subepígrafe 2.11.1, que quedaría redactado da seguinte maneira:

“2.11.1. Nas actuacións que impliquen a participación de coros e agrupacións vocais de canto o uso de máscara non será obrigatorio pero deberá asegurarse que se respecte en todo momento a distancia de seguridade interpersoal entre os integrantes do coro ou da agrupación e, polo menos, de 3 metros entre estes e o público. Do mesmo xeito, será recomendable o uso de microfonía propia e de uso exclusivamente individual, no caso de cantantes solistas, así como unha disposición no escenario e locais de ensaio que evite que o fluxo do aire dos cantantes (e de músicos intérpretes de instrumentos de vento) interfira co resto dos membros da formación, evitando situarse enfronte doutros intérpretes.”

No mesmo anexo 2.11, pedimos a  eliminación do subepígrafe 2.11.2, onde se indica que será obrigatorio, en calquera caso, o uso de máscara durante toda a actuación, e propoñemos a  súa substitución pola seguinte redacción:

“2.11.2. Cando non se poida asegurar en todo momento a distancia de seguridade interpersoal entre os integrantes do coro ou da agrupación vocal e, polo menos, de 3 metros entre estes, e o público, se aconsella o uso de pantallas sanitarias ou de anteparos de separación (mamparas etc), sendo opcional o usa de máscara sanitaria.”

No referido ao anexo 2.12. Orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, pedimos a eliminación parcial do subepígrafe 1 e 2,  propñemos s súa fusión na seguinte redacción unificada:

Eliminación parcial do subepígrafe 2.12.1, da última  frase: “...,se iso non é posible, reducirase o número de compoñentes de xeito que se cumpra coa dita distancia”. Hai obras que por esixencias orquestrais da partitura ou formacións de  estilos específicos que fan inviable unha redución de plantel.

Texto refundido e unificado dos subepígrafes 1 e 2: 

“Todos os compoñentes da orquestra, banda ou agrupación musical deberán manter a distancia de seguridade durante a súa actuación e os ensaios, especialmente aqueles intérpretes de instrumentos de vento ou vocalistas, evitando situarse enfronte doutros intérpretes, mantendo unha disposición no escenario e locais de ensaio que evite que o fluxo do aire dos cantantes e músicos/as intérpretres de instrumentos de vento interfira co resto dos membros da formación, evitando situarse enfronte doutros intérpretes. Cando non fose posible manter a distancia de seguridade entre algúns dos músicos/as, neses casos se recomenda o uso de elementos como pantallas ou anteparos de separación. Cando, non cumprindo a distancia de seguridade, non se dispoña tampouco de pantallas ou anteparos, deberase usar máscara sanitaria. O uso de máscara é tamén o aconsellable antes de comezar o concerto e ao rematar; polo tanto, antes de subir ao escenario e xusto despois de abandonalo, incluído o espazo de cameríns, patas e caixas do escenario, tramoia e calquera outra instalación do teatro ou do lugar de realización do concerto.”

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro