"Ao Son da Nosa Música" é un proxecto colaborativo desenvolvido por 2 profesores de música do ensino público que ten como obxectivo a creación dun proceso innovador de participación da Comunidade Educativa no coñecemento, valoración e difusión da música en galego entre a xuventude.
Da análise da enquisa realizada a máis de 1.000 escolares galegos pódense sacar importantes conclusións, como a práctica desaparición do idioma galego entre os seus hábitos de consumo musicais ou a necesidade de tecer pontes reais entre o mundo artístico e o educativo.
Entre os alarmantes datos podemos destacar:
- Un 80% confesa que nunca -ou case nunca- escoita música en galego. Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40%
do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.
- Ausencia da música en galego nas propias aulas de música cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un 27% nunca.
- Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos estilos: o Pop, o Reggaetón e o Rap son os xéneros preferidos adolescente cun 64%, 53% e 44% respectivamente.
- En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok
cun 52% e a radio cun 35%.
- As redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades
No mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presentará os resultados definitivos da investigación e partillará as propostas de mellora que considera oportunas para reverter esta situación conxuntamente coas outras cinco secuencias didácticas.
Máis información do proxecto / Vídeo co resultado da enquisa