O próximo 18 de decembro, ASOMUSICA vai unirse ás mobilizacións convocadas desde a COAEM en defensa da Educación Musical, para reclamar ás autoridades educativas que se inclúa a materia de Música en todos os niveis do ensino obrigatorio (Infantil, Primaria e E.S.O.) e Bacharelato, así como unha maior presenza lectiva dentro do sistema educativo.
A concentración levarase a cabo na praza do Toural de Santiago de Compostela ás 12h. A organización fai unha proposta de partitura para que se cante no acto.
Recordamos que a Música na LOMLOE segue a perder espazo ata case desaparecer do curriculum, insistindo en negar presenza ás artes, principalmente ás performativas, malia que o desenvolvemento da personalidade tanto na infancia coma na adolescencia favorécese coa aprendizaxe das artes, sendo a música un dos vehículos identitarios máis fortes.
Non se garante a súa presenza nin en Infantil nin practicamente en todo o Bacharelato, onde a proposta curricular pretende eliminala como optativa e deixala relegada unicamente á vía do Bacharelato de Artes Escénicas (que actualmente só se oferta en 11 institutos de toda Galicia). Ademais, desaparece a materia optativa de 4º ESO e a de Artes escénicas e Danza.
O gran público do futuro non sae unicamente dos conservatorios e das escolas de música: tamén é perto do 95% dos nenos, nenas e adolescentes que están agora nos colexios e institutos de toda Galicia e que só recibirán a educación e formación musical, de artes escénicas e danza que lle deamos no ensino.
Cal é o obxectivo primordial dos docentes de música de Galicia? Queremos acompañar o desenvolvemento do noso alumnado en tódalas súas etapas educativas a través da música, do movemento, do audiovisual, da voz e dos instrumentos, da percusión corporal, etc. e poñer en valor as súas verdadeiras capacidades. Para conseguir isto é esencial unha educación musical de calidade, presente en tódolos centros educativos galegos e en tódalas etapas educativas de ensino pre-obrigatorio, obrigatorio e post-obrigatorio.
É imprescindible que a Música teña unha presenza abonda para achegar ao alumnado o desenvolvemento artístico imprescindible para construírmonos como persoas e como sociedade, en todos e cada un dos aspectos da vida.