Ata o 3 de maio permanecerá aberto o prazo para que os grupos galegos inscriban as súas propostas para a Rede Galega de Música ao Vivo 2024 (RGMV). Esta é a rede para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para a realización de concertos.
No vindeiro mes está prevista a publicación no DOG da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para as salas.
MAV participou nos últimos meses na negociación das condicións desta convocatoria.
Os proxectos das salas deberán incluír dúas liñas de programación:
1.1. Programación musical na Rede Galega de Música ao Vivo, que terá que cumprir os seguintes requisitos:
a) O proxecto de programación deberá constar dun mínimo de 12 e un máximo de 24 concertos distribuídos entre as dúas anualidades de xeito equilibrado.
b) Estará formado integramente por artistas que desenvolvan a súa actividade habitualmente en Galicia.
c) Contará, por polo menos, cun 40% de presenza de artistas femininas galegas, agás que sexa de imposible cumprimento e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.
d) O caché mínimo por solista o membro da banda será de 250€+IVE e o custe máximo subvencionable por concerto non poderá ser superior a 2.500€+IVE).
e) Todos os concertos deberán ser de pago, cun prezo mínimo por entrada de 5 euros (IVE incluído).
1.2. Programación complementaria á Rede Galega de Música ao Vivo, que terá que cumprir os seguintes requisitos:
a) O proxecto de programación deberá constar dun mínimo de 40 concertos distribuídos entre as dúas anualidades dun xeito equilibrado.
b) Todos os concertos deberán ser de pago, cun prezo mínimo por entrada de 5 euros (IVE incluído).
As datas para a realización dos concertos para o ano 2024 abranguerá dende a data da publicación da convocatoria ata o 20 de decembro de 2024.
*Os socios/as de MÚSICOS AO VIVO S. COOP. GALEGA podedes inscribirvos en Galescena cos datos da mesma e asociar os vosos proxectos a este ciclo.
Recordamos tamén que ata o 30 de abril permanecerá aberto o prazo para a inscrición de espectáculos e concertos que configurarán a oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios 2º semestre 2024.
Para calquera aclaración podedes poñervos en contacto co departamento de programación de Agadic:
programacionagadic.2@xunta.es
programacionagadic.1@xunta.es
tel: 881 996 087/ 881 996 088
Aviso oficial / Galescena