imaxe da nova
Asociación

Premiados nos XI Premios Martín Códax da Música 2024

imaxe do usuario Xestor Xestor
22 maio 2024

A gala dos XI Premios da Música Martín Códax festexa o papel fundamental da comunidade de artistas na sociedade

▪ Gloría Pavía recibe o galardón como Artista Emerxente do ano e a traxectoria de Emilio Cao, renovadora da música en Galicia, merecedora do Premio Honorífico 2024
▪ Xurxo Souto e a banda Xangai conduciron o espectáculo no Pazo da Cultura de Pontevedra, na que actuaron artistas como Ugia Pedreira, MJ Pérez, Sofía Espiñeira e Inés Naya
▪ A directiva de Músicas ao Vivo reivindicou no seu discurso a cultura de proximidade e a contratación de bandas e artistas galegos nas programacións musicais

Con “Ti que me levas”, o tema que Xurxo Souto converteu no himno desta 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, arrancaba a gala do mércores 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. O condutor da entrega de galardóns, xunta á banda Xangai, marcouse como obxectivo converter nesa noite o colectivo de artistas nunha voz, diversa, pero rebordante de forza e cohesión. Abofé que conseguiu que o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, cheo, fose unha festa durante as máis de dúas horas de espectáculo. A festa das músicas e músicos de Galicia recoñeceu co Premio Honorífico a Emilio Cao, e na categoría de Artista Emerxente á compostelá Gloria Pavía. Nas 15 categorías artísticas dos Martín Códax subiron a recoller o melómano deseñado por Victor Lorenzo: Her Anxiety, Guadi Galego, Brais Morán &Nasaufunk, Mondra, Caamaño&Ameixeiras, Os Melidaos, Catuxa Salom, Agrupación Musical de Goián, Terbutalina, hydn, América de Vigo, Carme López, Pablo Sanmamed Trío e Benxamín Otero, Lucía Aldao e Uxía Lambona e a Banda Molona. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, entregaron Premios Organistrum a proxectos de comunicación (Miudiño Sessions), festivais (As Nosas Músicas de Couso) e salas (A Arca da Noe) respectivamente. A gala puido seguirse pola plataforma da CRTVG agalega.gal.

Os primeiros galardóns da noite do mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra, foron os correspondentes á categoría de Metal, para Her Anxiety, banda viguesa creada en 2020, e Canción de Autora, para Guadi Galego, que, tras máis de 25 anos de carreira, neste 2024 pon sobre o escenario o espectáculo “Síntese Horizonte”, expresamente concibido para representar ao vivo. Seguirían os galardóns na categoría de Blues, Funk e Soul para Brais Morán & Nasaufunk, que veñen de editar o seu disco “Revolución Chic”, e en Electrónica, para o cantareiro e bailador Mondra, que nos últimos tempos ve medrar unha audiencia nova e numerosa en todas as súas actuacións.

Na categoría de Folk foron o dúo Caamaño & Ameixeiras as que recibiron o melómano dos Premios Martín Códax como xa acontecera hai dous anos, e en Música Tradicional, Os Melidaos, que desde 2001 apostan polo futuro dos sons tradicionais desde Melide. Catuxa Salom, unha das revelacións da escena galega nos últimos tempos e que se atopa preparando o seu segundo disco, recolleu o galardón de Músicas do Mundo e Mestizaxe, mentres que a Agrupación Musical de Goián, un proxecto que mestura voces e instrumentos tradicionais con outros contemporáneos como a gaita midi ou os samplers, fixo o propio na categoría de Bandas de Música Popular.

A banda Terbutalina, recolleu o melómano na categoria de Rock e Punk nun momento no que o album “Era cabra” supón para eles un regreso ás súas orixes musicais. Despois dos de Esteiro, foi hydn, a artista coruñesa que sorprendeu hai dous anos aos eurofans coa súa proposta en “galenglish”, a que recolleu o galardón de Músicas Urbanas. América de Vigo, a orquestra de espírito rockeiro, subiu ao escenario a polo galardón no apartado de Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena, como xa fixera hai dous anos, e Carme López, que con “Quintela”, unha obra de música experimental para a gaita como nexo coas linguaxes contemporáneas actuais, está a dar moito que falar este 2024, recolleu o premio da categoría de Música Clásica e Contemporánea. En Jazz e Músicas Improvisadas foi o proxecto de Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero ao oboe e corno inglés, quen levou o galardón, mentres que na categoría de Pop e Indie, a poeta e compositora da Coruña, Lucía Aldao co seu proxecto PAVA, fixo o propio. A última categoría artística da noite foi a de Música Infantil, con galardón para Uxía Lambona e a Banda Molona, con dez anos de andaina interpretando temas populares e propios para a cativada.

Gloría Pavía, Artista Emerxente, e os tres Organistrum
O galardón a Artista Emerxente, categoría especial establecida en 2022 nos Premios Martín Códax da Música, foi para Gloria Pavía, artista nacida en Santiago de Compostela en 1999, que gravou o pasado ano o seu primeiro EP titulado "Novas flores": Ns súas palabras “unha compilación de cancións sobre amor e flores silvestres”. Ademais de cantante e compositora, Gloria Pavía tamén se dedica á ilustración. Este galardón está destinado a valorar a proxección e potencial dun proxecto de nova creación, con menos de tres anos e non máis dun disco ou EP editado.

Na recta final da gala, que se puido seguir a través da páxina dos premios e da plataforma da CRTVG agalega.gal, chegaron os tres galardóns Organistrum, establecidos para recoñecer a contribución de salas, festivais e medios de comunicación ás traxectorias de bandas e artistas asi como á musica ao vivo. A sala A Arca da Noe, de Vilar de Santos (Ourense) recibía o galardón da man do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez. Na categoría de festivais, foron As Nosas Músicas de Couso (A Estrada), o evento dedicado á música tradicional que, con vinte e catro edicións de andaina, demostra a súa vitalidade cada ano con centos de visitantes e implicación da comunidade na súa organización, recolleu o galardón da man do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Miudiño Sessions,un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura impulsado dende A Regueifa Plataforma 2.0, que milleiros de subscritores seguen na súa canle youtube, recibiu da man do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o recoñecemento en Proxectos de Comunicación e Difusión.

Emilio Cao, Premio Honorífico e intervención de Músicas ao Vivo
Antes da entrega do Premio Honorífico 2024, a intervención da directiva de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos galardóns, reinvindicou a cultura de proximidade e a contratación de bandas e artistas galegos nas programacións musicais. Subliñaron ademais que os Premios son “un elemento de cohesión e plataforma para apoiar e potenciar a dignificación e profesionalización dos traballadores da musica no país”.
Renovador, viaxeiro e figura clave na apertura da música galega no ámbito internacional, Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953) recibiu o Premio Honorífico 2024. Foi o fillo do músico, Mateo Cao, quen recolleu o melómano na noite do mércores 15 da man da directiva da Músicas ao Vivo e do presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue López. Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, Emilio Cao é unha das grandes figuras da música do noso país desde que comezou a súa “peregrinaxe” musical nos primeiros anos setenta. Músicas ao Vivo quixo render neste 2024 homenaxe a un artista pioneiro sen o que sería difícil entender o devir da música galega nas últimas décadas.
A gala dos Premios Martín Códax, que este ano abriron a segunda fase de votacións ao público xeral, despediuse ata 2025 ainda que a Xurxo Souto e á banda Xangai quedáballes un as na manga: xuntar no escenario a MJ Pérez, Ugia Pedreira, Sofía Espiñeira e Inés Naya, que foran intervindo en diferentes momentos da noite, para cantar a última. Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e Deputación de Pontevedra. Medio de comunicación colaborador: CRTVG.

 


PROXECTOS GALARDOADOS 11º PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA:

Metal: Her Anxiety
Canción Autor/a: Guadi Galego
Blues, Funk e Soul: Brais Morán & Nasaufunk
Electrónica: Mondra
Folk: Caamaño & Ameixeiras
Música Tradicional: Os Melidaos
Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom
Bandas de Música Popular: Agrupación Musical de Goián
Rock e Punk: Terbutalina
Músicas Úrbanas: hydn
Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
Música Clásica e Contemporánea: Carme López
Jazz e Músicas Improvisadas: Pablo Sanmamed Trío e Benxamín Otero
Pop e Indie: Lucía Aldao
Música Infantil: Uxía Lambona e a Banda Molona
Artista Emerxente: Gloría Pavía
Organistrum:
Salas: A Arca da Noe
Festivais: As Nosas Músicas de Couso
Proxectos de Comunicación e Difusión: Miudiño Sessions-A Regueifa Plataforma 2.0
Premio Honorífico 2024: Emilio Cao

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información