imaxe da nova
Nova Galega

Proxecto EUTERPE_adn para explorar o impacto terapéutico da música

imaxe do usuario Xestor Xestor
11 xuño 2024

Músicos ao Vivo S. Coop. Galega participa no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Euterpe_adn que ten como obxectivo principal explorar o impacto terapéutico da música en persoas maiores, con deterioro cognitivo ou dano cerebral.

Chegar a comprender a relación molecular que existe entre os xenes e os estímulos externos é a base sobre a que se asenta o proxecto EUTERPE_adn, "Rede transfronteiriza para o estudo da música como terapia nas enfermidades neuropsicomotoras e o envellecemento: unha aproximación dende a expresión xenética e a neuropsicoloxía". O proxecto acaba de recibir un millón de euros de financiamento a través do programa Interreg POCTEP —unha iniciativa de cooperación entre España e Portugal apoiada pola UE—, e ten como obxectivo principal explorar o impacto terapéutico da música en persoas maiores e nas que presentan deterioro cognitivo e dano cerebral.

EUTERPE_adn, acrónimo que fai referencia tanto á musa grega da música como á xenética, acometerá desafíos comúns para Galicia e o Norte de Portugal como é o caso do envellecemento, o despoboamento e a exclusión social. Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/alzhéimer ou dano cerebral, así como en persoas maiores. En colaboración coa Universidade do Minho, o consorcio combina a experiencia en investigación biomédica coa terapia musical.

A Casa da Música do Porto e Músicos ao Vivo S. Coop. Galega súmanse ao proxecto xunto co traballo coordinado de asociacións de pacientes como a Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA), a Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA), a Santa Casa da Misericordia de Porto e a Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzhéimer.

O proxecto ten unha duración de tres anos, e tras a programación musical e o deseño dos protocolos biomédicos, agora en xuño comeza o recrutamento de participantes e a primeira avaliación neurospicolóxica, así como a primeira recollida das mostras biolóxicas (sangue a través dunha pequena punción capilar nun dedo, e saliva a través dun frotis bucodental). En outubro comezarán os talleres de música nos sete centros, a razón de dous días á semana. O estudo culminará coa publicación dos resultados, así como os materiais utilizados, e un Libro Blanco.
Nova USC
 

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información